Ir ao contido da páxina

Adegas, institucións e expertos celebran a calidade e o carácter singular dos viños das IXP de Galicia.

Asistentes de toda Galicia déronse lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra na presentación do proxecto de cooperación para a dinamización dos Viños das IXP de Galicia. A calidade diferencial dos seus produtos, as oportunidades para a cooperación e a colaboración entre axentes do sector e o vínculo dos viños co territorio e o patrimonio centraron o contido da xornada.

O Alcalde de Pontevedra e Presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural de Pontevedra-Morrazo, Miguel Anxo Fernández Lores, e o Subdirector da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco Paradelo, presentaron o proxecto de cooperación para o impulso dos viños das IXP de Galicia no Pazo da Cultura de Pontevedra nunha xornada na tamén que se abordou a potencialidade destes produtos nunha mesa redonda de expertos en viticultura e patrimonio.

Miguel Anxo Fernández Lores, presidente do GDR de Pontevedra-Morrazo, deu a benvida aos numerosos asistentes, procedentes de toda Galicia, representando os diferentes territorios que abarcan as diferentes IXP, os 6 Grupos de Desenvlvemento Rural que impulsan o proxecto e as 15 adegas que colaboran. Destacou que as IXP son «instrumentos absolutamente necesarios para a comercialización baixo unha indicación de calidade de moitas terras nas que xa se estaban a producir viño. No caso de Pontevedra, 2.000 hectáreas». Nese sentido sinalou a importancia de que as adegas medren e promover a cooperación e favorecer o coñecemento das IXP, porque «hai marxe dentro do terreo que actualmente se destina a producir viño, hai calidade e hai que poñela en valor».

Un proxecto de cooperación
e participativo

Moisés Blanco Paradelo destacou que se cumplen trinta anos da posta en marcha da medida Leader, dentro da cal se desenvolve este proxecto, «seguindo unha metodoloxía centrada na participación, construído de abaixo cara arriba, sempre preto do territorio e escoitando as persoas». Recoñeceu o traballo dos Grupos de Desenvolvemento Rural nesta tarefa e destacou, no caso das IXP de viño, o esforzo e o traballo que proporciona unha calidade excelente aos seus produtos.

 

 

José María Tobío, xerente do GDR de Pontevedra-Morrazo, explicou a xénese no proxecto, que está nas problemáticas que comparten todas as IXP de Galicia: «pequenos produtores con pouca dinamización económica, falta de recoñecemento social e no mercado, que facía necesario propoñer un proxecto destas características», que busca dinamizar os operadores e establecer canles de colaboración entre as catro IXP vitícolas de Galicia, impulsando o sector vitivinícola en cada un dos territorios; contribuír a consolidar e/ou aumentar o número de marcas comerciais; mellorar as canles de divulgación, promoción e comercialización dos viños así como a formación en proxección e comercialización dos elaboradores, favorecendo un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas. Tamén se busca favorecer o posicionamento como destino enoturístico das comarcas que forma cada IXP.  Por último presentou o lema e a campaña de comunicación, que xirará arredor do lema  "Viños de falan de nós".

 

 

Túnel do Viño en Pontevedra:
un espazo para coñecer os viños das IXP.

Na xornada anunciouse tamén o primeiro dos Túneles do Viño, espazos de mostra, promoción e degustación de todas as referencias de viño amparadas baixo o selo das IXP nos que se realizarán diversas catas ao longo do día co obxectivo de facilitar a participación de diferentes perfís sociais.

A primeira cita é en Pontevedra o sábado 20 de novembro na nova sede do grupo coordinador, o GDR Pontevedra Morrazo, no lugar de Os Campos nº 19 (Mourente, Pontevedra). É preciso reservar praza a través do correo electrónico info@vinos.ixp.gal ou a través de teléfono no número 685 722 084 para atender aos protocolos sanitarios en materia da Covid19.

«A un viño hai que pedirlle
que sexa capaz de explicar o territorio»

Despois da intervención de Xoán Concheiro, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, quen repasou a importancia dos selos das IXP e DO como elementos fundamentais para garantir a calidade e proxección dos produtos elaborados no territorio, reuníronse nunha mesa redonda expertos no mundo do viño, o patrimonio e o enoturismo para analizar o potencial dos viños elaborados baixo as IXP de Galicia.

O profesor e Técnico de Viticultura e Enoloxía da Universidade de Vigo Luis Paadín destacou a enorme calidade do produto, poñendo como exemplo os dous premios ao mellor viño branco de España que reúnen as IXP de Viños de Galicia. Puxo a énfase en que Galicia hai que explicala no seu conxunto. Asegura que o clima é a peza fundamental que garantiza que se poidan producir viños de calidade como se levan facendo máis de 2.000 anos. «A un viño hai que pedirlle que sexa capaz de explicar o territorio, que cando un beba un viño traslade a ese sitio, que sexa unha paisaxe dentro dunha botella».

O experto en cata de viños, viticultura e enoloxía Antonio Partela sinalou a importancia das IXP, que cubren un espazo que queda fóra das DO e que aportan a lonxevidade en boca dos grandes viños e multiplican o potencial vitícola galaico e que «na espiral do cambio climático que tambalea a territorios que gozaban do sol, os viños das IXP equilibran a cara máis atlántica e oceánica». Nese sentido, indicou que «as nosas IXP son a expresión máis evidente do mar». Por último, destacou a cercanía coa viticultura máis tradicional, un valor que lles outorga a capacidade de experimentación e liberdade de expresión.

Pechou a mesa Rafa Quintiá, antropólogo e economista falou do viño como elemento catalizador de elementos culturais que son recursos que poden servir para o desenvolvemento sostible da economía e da viticultura. Exemplificou isto presentando cun proxecto que está a realizar coa IXP Ribeiras do Morrazo para a creaión de “itinerarios culturais”, intervencións afastadas do turismo máis convencional, baseándose nunha realidade histórica de contactos culturais que permiten integrarse dentro de estratexias sostibles de desenvolvemento no rural, máis aló do mero turismo, abarbando natureza, historia, gastronomía, tradición e identidade.

 

 

Compartir: